10 dezembro 2007

30 anos despois


A semana pasada andaba buscando algum cd para escoitar entre a colecçóm do meu pai, ja que quería escoitar algo diferente ao que escoito normalmente e por azar decidim colher o melhor de Fuxan os ventos. Facía tempo que nom os escoitaba e a verdade que ao escoitar a cantiga das Encrobas fíxome pensar e analizar dúas cançons de diferentes épocas.

Os temas que comparei forom por um lado a Cantiga das Encrobas dos Fuxan os Ventos e o tema do último cd de Quempallou no que colaboram os Dios Ke Te Crew Ninguén!!!. E parece mentira porque 30 anos despois o tema dos Quempallou trata umha temática semelhante ao dos Fuxan os Ventos. Dúas cançóns que dim muitas verdades e que som verdadeiros himnos de defensa do nosso meio ambiente.

Os dous temas falam das destruçóm do país, num céntranse no acontecido entre outros lugares, nas Encrobas fai 30 anos, e no outro na destruçóm do nosso hábitat polas novas pragas (incendios, parques eólicos, portos deportivos). Nos dous páranse a falar de como para o capitalismo nunca há limites com tal de encher os bolsilhos.

Nos dous temas falam tambem da maior sangría que sufriu este povo, sangría mais grave que a suporía calquera guerra, a emigraçóm dos nossos. Nos temas dise que a pesar da destruçóm do nosso meio a xente segue a marchar.

Ao que ía, 30 anos despois o que podería considerarse cançóm protesta segue a falar dos mesmos temas iso quere dicir que nestes anos nada cambiou que seguimos permitindo que arrasem co nosso meio de forma brutal sem que ninguém diga nada. No tema de Quempallou ha umha estrofa que di “As corporacións mandan e o goberno acata,que máis dá a quen lle votes da igual a quen lle votes” e a verdade é que é así, nom há ningúm goberno que se enfrontara a este problema que temos enriba dende fai tempo.

Para mim é moi triste ver o que lhe estam facendo ao nosso país, levantando macro-urbanizaçóns em lugares cumha riqueza grandisima, montando parques eólicos que destruem o nosso paisaxe, facendo umha lei de minas que permite a destruçóm dum dos nossos pulmóns e querendo levar empresas que num lado sobram para outros puntos do país ( ENCE ). O ocorrido co Prestige foi moi grave pero tam grave como iso som outras cousas que estam pasando e que tambem destruem o nosso.

Na Galiza contamos cum paraíso natural. As nossas fragas, os nossos rios e todo o que temos há que coidalo porque é a maior riqueza que temos e se nós nom a coidamos ninguem o vai coidar.


Nenhum comentário: